Arquivo por etiquetas: Caldas de Reis

Cultura Quente

Cando era nena, o acontecemento musical máis importante do pobo, eran as festas de San Roque. Nelas a famosa ELO, (Electro Lantaño Orquestra), Banda Unión de Lantaño, para o resto do mundo, facíanos aburrir os cativos do pobo, mentres esperabamos ansiosos, que a orquestra Os Cunters, nos fixera bailar no fin de festa , coa muiñeira de Chantada.

A verdade é que no concello do lado en Portas, as festas, case sempre eran mellores, traían as mellores orquestras e mesmo un ano, trouxeran a unha orquestra brasileira, que fora a conmoción na bisbarra do Salnés. Aquelas fermosas mulleres, ataviadas coma vedettes, cun ritmo brasileiro que aquí nunca viramos e os tíos impoñentes marcando paquete coas mallas de luces. Menudo espectáculo! canto exotismo! … Todo hai que dicilo, para os meus ollos de cativa, era a primeira vez que vía negros de perto, só os vira nas películas, pois por estes lares, daquela, non era moi habitual, e non me puiden resistir … fun coñecelos e falar con eles.

Hoxe en día semella que está todo visto, pero ás veces levas sorpresas.

Así me vin o outro día no Cultura Quente, despois de alucinar cos The Sonics, aparecen, Kitty, Daisy & Lewis, quedei coa boca aberta, hipnotizada, impresionada, canto talento!,  canto ritmo!, imaxinei que tiñan que ser familia, todos tocaban todos os instrumentos, e o facían moi ben, ninguén era o protagonista e todos o eran, pensei que nas súas festas familiares o pasarían moi ben (ou non),  corrixíndose uns os outros, intercambiando os instrumentos, como facían no directo, e disfrutando, en calquera caso, fiquei abraiada co marabilloso concerto que nos deron.

Lástima que non viñeran todos os veciños, como canda fora dos brasileiros, máis para os que alí estivemos, de eiquí ou de aló, este concerto encheunos de ledicia e felicidade.


Lazo de amor

Lazo de amor

Por Belén de Caldas

No xardín de Caldas de Reis, ao fondo, nos “Choróns”, temos unha nova árbore. Unha fermosa camelia branca.

A camelia é símbolo de “lazo de amor”,  por este motivo está agora ahí.
Blanca hai pouco que nos deixou, e con esta árbore, seus familiares e amigos quixeron honra-la súa memoria, e fixérono ao seu xeito … como ela cría que debía ser unha despedida a un ser querido.
Así foi como neste recuncho do noso pobo, onde uns meses antes celebrara seu aniversario, e nunha cerimonia moi emotiva, plantouse a camelia branca.

O silencio e o pranto asolagaron “Os Choróns”, que quedaron sen bágoas ante tanta tristura.
Un mechón do seu cabelo e o amor de tódolos asistentes forma parte do sustrato que alimentará de vida esta fermosa árbore, e cando o gris inverno nos oprima, o esplendor da camelia regalaranos aos nosos ollos a beleza do sorriso de Blanca. En realidade así era ela, florecente nas situacións máis adversas.

O noso “lazo de amor” con Blanca será inesquecible.