Lazo de amor
Por Belén de Caldas
No xardín de Caldas de Reis, ao fondo, nos “Choróns”, temos unha nova árbore. Unha fermosa camelia branca.
A camelia é símbolo de “lazo de amor”, por este motivo está agora ahí.
Blanca hai pouco que nos deixou, e con esta árbore, seus familiares e amigos quixeron honra-la súa memoria, e fixérono ao seu xeito … como ela cría que debía ser unha despedida a un ser querido.
Así foi como neste recuncho do noso pobo, onde uns meses antes celebrara seu aniversario, e nunha cerimonia moi emotiva, plantouse a camelia branca.
O silencio e o pranto asolagaron “Os Choróns”, que quedaron sen bágoas ante tanta tristura.
Un mechón do seu cabelo e o amor de tódolos asistentes forma parte do sustrato que alimentará de vida esta fermosa árbore, e cando o gris inverno nos oprima, o esplendor da camelia regalaranos aos nosos ollos a beleza do sorriso de Blanca. En realidade así era ela, florecente nas situacións máis adversas.
O noso “lazo de amor” con Blanca será inesquecible.