Arquivos mensuais: Agosto 2013

E A Ortelinda navegou…

OrtelindaNavegou_800

Hai pouco preguntáronme que fora da Ortelinda. Seica semellaba, que estaba varada no blog .
Pois non –respostei.
A Ortelinda navegou…
Levou a un neno Saharauí de nome Alibuia que nunca vira o mar e a un home de Baredo que pintaba retratos de cans ao estilo de Goya, tamén a un cubano de vacacións en Cambados e mesmo a un examinador do carnet de conducir, que despois de se abarloar nunha batea, púxolle un sobresaínte.
E A Ortelinda viaxou…
Colleu un taxi de Vilagarcía para non perderse a regata do Sepelo, hai que dicir, que a súa ama aínda non ten bola de remolque. Tamén pasou polas Carballas e o Galiñeiro para ires O Grove e visitou tódolos seus faros e acampou no Canaval de Vilarello denantes de remontar o río Sar e atracar no Pedrón como noutrora fixera a chalana da pedra do Apóstolo, neste caso para homenaxear cos seus remos, a Rosalía.
Ortelinda divertíuse…
Fixo as súas primeiras tentativas, na pesca do chopo e a robaliça sen sorte algunha, intimou cos muxes da ría a “pikitos” pola quilla e bailou cos golfiños do Cabodeiro, tamén arrolou co seu bambeo ao pobre Rodolfo un can anti-augas, infiel compañeiro da súa ama.
Coqueteou, gracias ó seu amigo Claudio de Vilanova, que lle arranxou a agulla e retocoulle a súa pinturiña branca, para lucir ben fermosa, na alfombra de area, do 25 aniversario da Regata do Bao.
E ó fin descansou …
Fondeada con tódalas súas compañeiras da ENT Dorna, con vistas ó galpón e a palmeira, porque ese día ía sur, e emocionada, contemplou as bágoas de San Lorenzo, antes de durmir e desexar boas vindeiras navegacións.

Advertisements