Ortelinda é unha dorna pelirroxa e ten pencas, por iso ten que levar unha pamela, cando está varada na praia, a súa pamela, é un toldo verde, mercado na ferretería de Pontecesures.
As dornas levan nomes de muller (a maioría), e ista, leva o nome da miña aboa materna. Ela tamén usaba un sombreiro de palla, cando camiñaba á beira do mar, pois tiña a pel moi branquiña, e senón enchíase de pencas. Todo hai que dicilo, estes paseos placenteiros, foron xa de maior, momento no que tivo algo de paz e tranquilidade, pois a súa vida foi moi dura e a súa infancia peor.
Por aciagas circunstancias da vida, tivo que emigrar a Galicia e traballar dende nena. Coñeceu eiquí o seu home José, tamén portugués coma ela, e tamén emigrado, el por motivos políticos, pois desertara do exército de Salazar, e tiña prohibida a volta o seu país. Casaron e tiveron tres fillos, máis enviuvou moi nova, e ela soa tivo que sacar adiante a toda a familia, e como o fixo? Peneirando trigo do país, e facendo fermosos moletes de estraperlo!
Cando pensaba nun nome para poñerlle á miña dorna, deseguida lembreime de Ortelinda, e gustoume a idea de que finalmente atopara un repouso ben merecido, peneirando as augas da Ría deixando fermosos ronseis.
A Ortelindiña navega pola Arousa!